Rubén Souto: "Nos veráns adicábame a esconchar cantos frontóns se poñían por diante"

Non tódolos días se ten a sorte de ter diante a un campión do mundo. Rubén Souto é un deses afortunados. Hai pouco participou no partido de inauguración do club PádelStop, onde el “bota unha man” -como di-   e tivo ó outro lado da rede a Cristian Gutiérrez. No seu caso a historia é xenerosa. Fai menos dun ano tamén compartiu pista con Fernando Belasteguin.

Agora Rubén está en Barcelona, pero espera volver a Galicia, onde nun tempo o esforzo da súa famila o uniu para sempre a unha raqueta...


 

DR. Pregunto por ti e dinme que fuches un dos mellores tenistas júnior e sénior de Galicia... Como lembras aqueles anos con Miguel Casal, Ricardo Domínguez e outros xogadores?

R- Lembranzas de anos de sacrificio por parte dos meus pais e aprendizaxe e formación pola miña parte, con alegrías polas vitorias e decepcións polas derrotas pero sempre dentro duns limites. En especial, lembro os torneos organizados polo Club Santo Domingo de Ourense e polo Club Portotenis, nos que reinaba un ambiente excepcional tanto dentro como fóra da pista.

DR-… pero seica eras un xogador cuns recursos excelentes, con gran potencial coa raqueta na man...

R- O meu era un tenis clásico, condicionado porque en Galicia  daquela xogábase en pistas moi rápidas e porque ademais foi o tenis que me ensinaron. Á nosa comunidade o tenis moderno chegaría anos mais tarde, como case todo. O nivel do tenis galego naquela época non era moi alto, exceptuando a dous xogadores da miña xeración, como foron Paula Hermida e Óscar Burrieza, que xurdiron grazas ó seu talento persoal e ós encomiables esforzos dos seus pais.

-DR. Como influíu na túa vida deportiva o ser irmán de tenistas de gran nivel como foron Janett y Ninoska Souto? 

R- Pois non me quedou outra que "xogar á raquetiña", xa que no verán meus pais e mais eu acompañabamos ás miñas irmás nos campionatos, así que eu adicábame a esconchar as paredes de todo canto frontón se me poñía por diante!!

-DR. Por que non seguiches no tenis?

R- Despois de quince anos xogando o tenis, cruzouse no meu camiño o pádel, que me divertía máis... Diso hai once anos... Logo, marchei a Barcelona por motivos laborais e alí sigo practicándoo. Xogo a liga por equipos e o circuíto de torneos.

-DR. E supoño que atopas algunha diferenza co pádel galego, non?

R- Sí, algunha hai. Por exemplo, en Cataluña existe un Circuíto oficial de pádel organizado pola federación na que os mellores xogadores e as novas promesas xogan en tódolos recunchos do seu territorio. Ogallá pronto podamos ter algo similar na nosa terra. O que si, aquí en Galicia temos unha selección moi unida e iso fainos ser mellores.

DR.  Cal foi a mellor experiencia no pádel e no tenis que viviches?

R- Xogar na selección galega no pádel e no tenis e xogar os campionatos de Portonovo. Tamén me lembro de cando xoguei con Fernando Belasteguin. Foi unha experiencia moi boa, mágoa que durase tan pouco. El é moi profesional. Iso explica, entre outras cousas, que sexa o número un.

DR. O máis inmediato agora é a escola PadelStop, onde es un dos colaboradores. Esta nova aventura significa que volves a Galicia?

R- Ogallá, pero de momento non podo volver á terra. Agora que estou gozando duns días libres por Galicia aproveito para axudar nesta escola nas novas instalacións de PadelStop que se acaban de inaugurar.

DR. O mellor de Barcelona.

R- O seu clima e a súa oferta cultural. Para perderse e desconectar recomendo achegarse ó Monasterio Budista Palau Novella, no Garraf, ó ladiño da miña casa, he,he.

E para cear ben e a un prezo económico, o restaurante Montevideo, no Baix Llobregat.